miércoles, 16 de diciembre de 2009

Feijóo perde poder en Ourense e os ourensáns perdemos oportunidades.






Vaise Baltar, deixa a presidencia do Partido Popular de Ourense. Case parece que non é certo, porque leva dicindo 18 anos que se vai e nunca se ía, pero desta vez a cousa parece ir en serio.


Hoxe o fácil  sería arremeter contra o PP e contra o seu proceso sucesorio na provincia de Ourense, pero non o quero facer. Os partidos políticos e as persoas que están o fronte delas teñen uns ciclos, e estes días en Ourense estamos asistindo ó final dun ciclo.

De José Luis Baltar poderanse dicir moitas cousas. Algúns falarán máis ben que mal del, e outros máis mal que ben. Pero case ninguén quedará sen opinar porque o Presidente do PP de Ourense marcou unha época polo seu xeito de ser e de gobernar.

Non vou ser eu quen se posicione sobre si me gusta máis José Lui Baltar, o seu fillo o candidato do sector do birrete que estes días sairá a luz, eu só quero poñer o foco en todo este proceso, que non só afecta o PP senón a todas e todos os ourensáns.

Baltar estivo xogando ó despiste dicindo que todos o querían a el, para deste xeito tardar máis tempo en aclarar o camiño e protexer o seu vástago. Rogelio Martínez (cabeza visible do sector do birrete), inimigo íntimo de Baltar actuou estes días sendo o altofalante de Feijóo para primeiro pedir unha xestora para levar o congreso (non se fían dos da boina), logo dixo que eles ían presentar candidato contra José Manuel Baltar, logo asegurou que apoiaba a Baltar pai (canto lle tivo que custar ter que dicir esto), e mañá a saber o que dirá.

Núñez Feijóo non quere que se presente o fillo de Baltar porque sabe que ten moitas posibilidades de gañar, grazas a seu pai, e para elo empregou estes días todas as armas o seu alcance para que continuase Baltar pai, como mal menor. Ata forzou a Rajoy a que chamase a Baltar pai para convencelo de seguir á fronte.

O perigo de que José Manuel se poña ó mando do PP en Ourense, para Núñez Feijóo, é que este aprenda controlar a provincia ó igual que José Luis Baltar, e deste xeito o PP do birrete nunca tería a máis mínima posibilidade de facerse co control da provincia. Ademais Baltar fillo xa ten amosado como emprega as súas armas cando puxo contra a parede a Fraga no mítico peche no piso das Lagoas de la “panda del nene”.

E mentres esto acontece, mentres Feijóo é incapaz de controlar o seu propio partido en Ourense, Rogelio Martínez só se adica a chamar os alcaldes para dicirlle que agora e el o que reparte os cartos, e que lle hai que facer caso. Por outra banda, Baltar non deixa de chamar os mesmos alcaldes para dicir que o que manda e el, e que o que empregou ós seus achegados pola provincia adiante lles está a pedir apoio. E os alcaldes todo o día co teléfono a orella. E Núñez Feijóo atento a todo o proceso de sucesión....pero e a provincia?, quen atende á provincia?

Ourense está a sofrer a crise, ó igual que outros territorios. Mentres tanto, noutras terras os políticos están a poñer toda a carne no asador para poder atallar este grave problema. Pero en Ourense Baltar, Martínez e Feijóo están sumidos nos problemas internos do Partido Popular inhibíndose dos problemas da provincia.