martes, 16 de marzo de 2010

Desprezo total ós canallas da política


Nestes días enchéronse páxinas e páxinas de xornais e ocupáronse minutos e minutos nas canles de radio e de televisión sobre o sonado caso de transfuguismo político de Eladio Fernández.

Eu puiden ter escrito sobre este suceso hai xa algún tempo, pero preferín facelo ó cabo duns días de xeito máis sosegado. E fágoo así por medo a ser impulsivo e falar co corazón e non coa cabeza, porque eu coñecía e considerábame amigo de Eladio Fernández.

Quero comezar dicindo que me parece totalmente lexítimo que unha persoa que está en política acabe pasando dun partido a outro, porque non temos porqué pensar exactamente igual ó longo da vida. Eu non creo que o fixera nunca, pero é lexítimo.

Aínda así, este cambio debe ser froito dun proceso de madurez e de reflexión. Un non cambia por que sí en cinco minutos, cambia ó longo de anos e anos. Ademais é máis sinxelo de entender que cambie de parecer unha persoa que non está en primeira liña política ou que non estea moi comprometido coas súas siglas. Porque estando en primeira liña, o máis ético e irse para a casa se un non está de acordo coa súa formación política.

Pero alguén me pode explicar como unha persoa que é un dirixentes dunha organización política pode cambiar de siglas en só cinco minutos e sen ter mostrado a máis mínima discrepancia dentro do seo do PSdeG-PSOE. Porque se unha cousa hai certa en todo este culebrón é que Eladio Fernández xamais mostrou unha pequena discrepancia no seo do PSdeG-PSOE.

É moi difícil de comprender, case imposible. Pero o que xa ninguén entende, absolutamente ninguén, é que este personaxe da política se quede coas actas de concelleiro e deputado provincial que acadou gracias ó Partido Socialista.

A lexislación vixente di que as actas de concelleiro e de deputado son persoais, pero diferentes sentenzas recoñecen que  os electores a quen lle votan e a un partido político. E no caso da acta de deputado provincial, quen a ostenta e grazas o voto dos concelleiros da súa mesma formación política dentro da xunta electoral pola que concorre.

Eladio Fernández, tivo sempre a gran sorte de conta co apoio de todas e todos os compañeiros do PSdeG de Ourense para poder ser concelleiro en Ourense, logo cabeza de lista en San Cibrao, e máis tarde deputado. Tamén tivo a sorte de contar con respaldo para ser secretario provincial provisional ante do I Congreso, e logo contou coa confianza de Raúl Fernández para ser vicesecretario.

Que máis se pode pedir dentro dun partido? Eu creo que nada, por que se alguén pide máis é que está pedindo só para si mesmo e non para un proxecto común.

O máis suxo de toda esta xogada é como se fraguou, a escondidas, a costas de todas e todos os compañeiros, sen dicir absolutamente nada, e sendo unha mala persoa e quedándose coas actas de concelleiro e de deputado.

E o que fai todo esto en política só merece o desprezo dos cidadáns, porque é un canalla da política.

Pero tan culpable é el como quen o acolle no seo doutro partido sen pedirlle que sexa ético e que devolva as actas. Estou falando de José Manuel Baltar, o novo presidente do PP en Ourense que quere superar o seu pai en xogadas suxas dentro da política ourensá

Falando estes días con ducias e ducias de cargos do Partido Popular na provincia (dos dous partidos populares que hai en Ourense), ninguén entende a xogada de Baltar Blanco. Todos cren que é froito da súa inexperiencia e das súas ansias de chamar a atención e de facerlle a puñeta a Núñez Feijóo.

Alguén cre que esta fichaxe lle vai a aportar réditos ó PP?. Eu podo afirmar que ningún. Eladio Fernández non tiña ningún peso político como para arrastrar votantes e aínda por riba esta fichaxe só serviu para espertar repugnancia en moitos votantes que están fartos de que Ourense só sexa noticia polas falcatruadas dos baltares.

Eu quero crer que esta decisión de Eladio Fernández non sexa como as demais fichaxes que fai Baltar, e dicir, con algún posto de traballo parello para algún familiar ou con algunha outra cousiña. Quero crer que esta decisión de Eladio Fernández só foi pola ansia de figurar e de ocupar portadas de xornais que tanto ansiaba sempre. Quero crer esto, pero posiblemente me equivoque. E posiblemente esta equivocación se desvelará en próximos días. Estade todas e todos atentos.


martes, 9 de marzo de 2010

Xa chegou o bilingüismo da "Junta de Galicia"



A Xunta de Galicia de Núñez Feijóo comeza a cumprir algunhas das súas promesas electorais. Non moitas, pero algunhas si que cumpre, como a do bilingüismo.

Aquí podemos ver ó Conselleiro de Cultura mesturando nomes como os de Boqueixón ou Boimorto con Toro (Touro) e Desván de los Monjes (Sobrado dos Monxes).

Posiblemente dentro de pouco haberá que cambiar os seguintes nomes de poboacións galegas deste xeito:

Carballiño por Roblecito
A Rúa por La Calle
O Bolo por El Bollo
Chandrexa de Queixa por Chandreja de Queija
A Teixeira por La Tejera
Larouco por Laroco
A Porqueira por La Puerquera
Muíños por Molinos
Lobeira por Lobera
Pereiro de Aguiar por Peral de Aguilar
San Amaro por San Mauro
Crecente por Creciente
Pontevedra por Puentevedra
Ribadumia por Encimadelumia
A Estrada por La Carretera
Baralla por Baraja
Cervo por Ciervo
Lourenzá por Lorenzana
Triacastela por Triacastilla
Xermade por Germade
Riotorto por Riotorcido
Pedrafita do Cebreiro por Piedrafita del Cebrero
Cospeito por Cospecho
Porto do Son por Puerto del Sonido
Ortigueira por Ortiguera
Cabanas por Cabañas
Oleiros por Alfareros
etc......

Así son os que nos gobernan hoxe, uns firmes defensores da convivencia das dúas linguas en Galicia. Non vos recorda esto a un tempo pasado onde a algúns lle deu por traducir o nome das nosas aldeas e vilas?


lunes, 15 de febrero de 2010

Cando os escándalos se converten en algo cotiá

 Foto de Nacho Gómez para o xornal El País


O PSdeG na provincia de Ourense ven denunciando as políticas caciquís que o PP emprega na Deputación Provincial dende hai vinte anos, é dicir, dende que José Luis Baltar é presidente da Deputación.

Cando os socialistas e os nacionalistas poñiamos o grito no ceo porque na institución provincial só entraban a traballar cargos, familiares e axentes electorais  do Partido Popular, moita xente miraba cara outro lado.

É sabido por todas e todos que dende que se fusionou Centristas de Galicia (os da boina) e Alianza Popular (os do birrete) en Ourense sempre existiron dous Partidos Populares, pero uns tapábanlle os escándalos ós outros, porque así a todos lles ía ben. Pero non só os do birrete amparaban as prácticas caciquís de Baltar e os seus acólitos. Tamén algúns medios de comunicación lle poñían sordina a todas estas denuncias.

Entre uns e outros foron permitindo que pouco a pouco a provincia de Ourense lonxe de converxer co resto de España fora afondando máis nesa fenda que existe entre a nosa provincia e o resto do Estado.

Non foron poucas as veces nas  que nos sentiamos impotentes porque a nosa mensaxe de que outro modelo de provincia era posible, non chegaba á cidadanía. Había moita xente interesada en que só se escoitase esa frase tan manida de que “todos son iguais”, e como “todos son iguais” para que imos cambiar... que sigan os mesmos.

Pero agora de súpeto hai unha parte do Partido Popular e algúns medios de comunicación dos que antes estaban calados que lle poñen altofalantes as nosas denuncias e aveces incluso nos acusan de que facemos pouca oposición. É certo ese dito de que... as voltas que dá a vida.

Pois o certo é que o PSdeG de Ourense ven denunciando ano tras ano que unha Deputación que ten unha débeda que alcanza o 110% do seu orzamento, é dicir máis de 90 millóns de euros non é sostible. Tamén denuncia que unha Deputación na que a  inmensa maioría (e debería dicir inmensísima) dos seus traballadores leva na carteira o carné do PP non é un reflexo na sociedade ourensán. Así mesmo non é normal que nunha Deputación como a de Ourense se realicen 1600 contratos temporais en catro anos, nin tampouco é normal que a veces o número de traballadores ande ó redor dos 1100 (por certo, sempre en período pre-electoral).

Pero o máis curioso de todos estes casos é que mentres esto acontecía na Deputación de Ourense había un vicepresidente (dos do birrete) que era o que presidía toda sas mesas de contratación e que é agora un dos que denuncia todas estas cousas “raras”.

Pero é que no PP de Ourense acontecen moitas cousas “raras” como que acudan de compromisarios o seu congreso candidatos do BNG na últimas eleccións municipais no Concello de A Bola. Pero tamén é moi “raro” que vaian como compromisarios catro concelleiros (o alcalde de A Pobra de Trives e o ex-alcalde e tres concelleiros de Calvos de Randín) que segundo os comunicados oficias do PP estaban expulsados do partido por ser declarados tránsfugas pola Comisión de Seguimento do Pacto Antitrasfuguismo. Pero o que aínda é máis “raro” é que tanto Rajoy como Feijóo que enviaron observadores ó congreso ourensán permitiran que estas persoas votasen no proceso de elección do Presidente do PP de Ourense.

Nós seguiremos denunciando aínda que a algúns lles interese poñer a veces sordina e outras veces altofalante as nosas denuncias.

Pero hai unha cousa que está clara, hai outra forma de facer política, e nós apostamos por ela. Unha política na que todo o mundo teña as mesmas oportunidades, e nas que as mozas e os mozos non teñan que buscar traballo fora da nosa provincia porque non teñen no peto o carné do Partido Popular. Só falta que a sociedade aposte por este cambio e todas estas prácticas caciquís pasarán a formar parte da historia. Unha historia rancia que todos queremos esquecer.

martes, 9 de febrero de 2010

Encontro Méndez Ferrín-José Luis Baltar, outra labazada na cara a Feijóo




Onte produciuse o encontro de Méndez Ferrín, afamado escritor galego e novo presidente da Real Academia Galega con José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense e capitán xeral do exército da insurxencia galeguista do PP.

Baltar, que un dos mellores calificativos que o definen é o de ser "listo como un allo", aínda non deixou entrar a Ferrín pola porta, e sabendo das penurias económicas que padece a RAG e da nula axuda que recibe da Xunta, ofreceulle axulio a través da Deputación de Ourense.

Este feito podería parecer unha nimiedade ós ollos de moitos, pero é un golpe máis na liña de flotación do PP galego. É sabido de todos/as que as arcas da Deputación están case baleiras, e para poder ofrecer esta axuda, Baltar vai ter que quitar desas subvencións a dedo que lles da ós seus afíns e que tanto rédito político lles saca. Pero o presidente da Deputación de Ourense fai un "esforzo" con tal de darlle unha labazada máis a Núñez Feijóo e os seus socios "bilingueiros".

Non quitedes os ollos da provincia de Ourense nestes meses, porque cousas como estas van a suceder moitas.

lunes, 1 de febrero de 2010

O misterio das rebarbadoras de Ourense


Hoxe produciuse un misterio inexplicable na provincia de Ourense. As 9 da mañá abriron coma todos os días as ferreterías da provincia, e ó cabo dunha hora esgotáronse todos os modelos de rebarbadoras exitentes. Andan todos os ferreteiros coma tolos buscando novos modelos, pero parece que en canto lle chegan novas existencias ó cabo de media hora esgótanse de novo.

Podería axudar a esclarecer o misterio que hoxe, preto do mediodía, se viron descargar varias furgonetas con caixas de rebarbadoras na sede do PP.

Será esto a explicación ó misterio das rebarbadoras de Ourense?

domingo, 31 de enero de 2010

O PP perde o seu propio congreso



Podería parecer que o titular está errado. Por que como un partido político vai perder o seu propio congreso. Eso é imposible. É imposible en calquera lugar de España e en calquera partido político menos en Ourense e no PP. Esto é así porque dentro do Partido Popular existen dous partidos dende 1991. E por eso os grandes perdedores do cónclave "popular" ourensano son o PP de Galicia e Núñez Feijóo.

Corrían os principios dos 90 cando Centristas de Galicia (o partido hexemónico por aquel entonces en Ourense) era quen de acadar o 32% dos votos nas municipais, mentres o PP non pasaba do 29%, e foi por aquelas cando ambos partidos se fusionaron.

Dende aqueles días segue aberta unha profunda fenda na dereita ourensán que lonxe de pecharse aínda afondou máis nestes días.

Nesta provincia no PP sempre houbo a dicotomía urbán-rural, boina-birrete, galeguistas-castelanistas, centristas de galicia-alianza popular. E esas etiquetas aínda perduran. A pesares de pasar case 20 anos e de ter chegado xente nova o PP, este partido segue a ser un grupo político dominado por xente de moita idade, e os que entran novos veñen aleccionados por un ou por outro sector rezumando odio contra os seus “compañeiros” de partido.

O caso é que tanto Rajoy como Feijóo molláronse neste proceso debido o seu posicionamento, quen aínda que non foi explícito, era de todos coñecido. E o problema que ten ó decantarse por unha ou outra opción e que podes gañar ou perder, e eles perderon estrepitosamente.

Esta é sen dúbida ningunha a primeira gran derrota de Feijóo, e venlle das mans dos seus "socios" políticos en Ourense, esa franquicia que o PP ten na provincia das Burgas, os da boina ou ex-Centristas de Galicia.

Baltar e a súa xente déronlle unha lección a todos os ex-alianza popular e a todos os novos acólitos desta dereita discípula desa nova dereita dos Rajoy, Aguirre, Camps e outras herbas, desa nova dereita sectaria e prepotente.

Que ninguén me malinterprete pensando que agora me acabo de converter nun baltarista. Pero hoxe por hoxe considero que o persoeiro político máis perigoso para o ben do noso País é o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e por extensión na provincia ourensán Rogelio Martínez e Jiménez Morán.

Pero esta guerra non rematou aquí coñecendo como actúa o presidente do PP de Galicia. Non lle será nada doado a Baltar Pumar, por non dicir case imposible, colocar ós seus nas candidaturas das vindeiras eleccións municipais, porque quen ten a última palabra neste proceso é o partido en Santiago de Compostela. Aquí si que poden volver a saltar chispas, como xa ten pasado outras veces. Aquí pode dar comezo outra guerra máis dentro da dereita galega. Eso se para aquelas seguen unidos.


Baltar Pumar sabe que el ten a 45 alcaldes por 15 de Feijóo, a 22 portavoces municipais por 10 de Feijóo, a 12 deputados provinciais por 2 de Feijóo, a 3 deputados autonómicos por 4 de Feijóo, a 1 senador por 2 de Feijóo e a 1 deputada nacional por outro de Feijóo.

Con estes números na man vai ter que se velar moito o PP do birrete para soprarlle o baltarismo en Ourense, porque saben que están baixo a eterna ameaza de dar un golpe en calquera momento. E ese golpe costa a Xunta de Galicia. Así que olliño co que se fai.

Durante uns anos a algúns enchíaselle a boca falando mal e demonizando os gobernos bipartitos como o anterior do PSdeG e o BNG na Xunta de Galicia, pero é que en Ourense levamos baixo un goberno bipartito durante toda a democracia o goberno do PP de Alianza Popular e o PP de Centristas de Galicia.

Creo que a partir de agora imos ver a un Núñez Feijóo que incluso lle terá que acabar facendo reverencias a Baltar pai e fillo.

E como o cortés non quita o valente quero darlle os meus parabéns a José Manuel Baltar e desexarlle que acerte nas súas decisións polo ben na nosa provincia.

miércoles, 27 de enero de 2010

Patético espectáculo do PP en Ourense



Viñeta de GOGUE para Xuventudes Socialistas de Ourense


Tíñame prometido a min mesmo non escribir nada sobre o congreso do PP de Ourense que se vai celebrar estes días. Fixérame esta proposición porque considero que deben ser unicamente os membros do Partido Popular os que opinen sobre este proceso.

Pero hoxe vou romper aquelo que me prometera a min mesmo, e vouno facer porque creo que o que están a facer estas persoas do PP transcende dende hai moito tempo ó meramente interno.

Hai tempo que un candidato apostou pola “Obamización” desta campaña, é dicir converter este proceso de primarias practicamente nun proceso electoral aberto a toda a cidadanía. Procurou acaparar todas as fotos, todas as portadas, todas as noticias ofrecendo grandilocuencias. Pero todo esto estase a volver na súa contra. Pensou ter a todos os medios de comunicación a súa beira, e hoxe por hoxe hai uns cantos que teñen aberta unha guerra particular contra el.

O outro candidato, o que saía como perdedor, empregou habilmente a varios medios de comunicación para botar lixo por riba dos do sector da boina, e está a saírlle ben, pero posiblemente esto se volva contra el e contra o seu partido.

Nestes días teño escoitado algunhas palabras sempre das súas bocas, e nunca das bocas dos adversarios políticos que son de xulgado.

Téñense dito que hai traizóns, manipulacións, roubo de votos, trampas, emprego de recursos públicos, compra de vontades, enchufismo de compromisarios, ... Pero casualmente esto non o dicimos os socialistas, estas verbas saen das bocas dos propios membros do PP.

É moi curioso ver estes días polas rúas de Ourense como algúns que antes eran amigos agora de torcen a cara ou cruzan de beirarrúa para non atoparse de fuciños cos seus piores inimigos.

Téñense pedido ata observadores porque uns non se fían dos outros neste proceso. Estes días polas rúas de Ourense a coña máis xeneralizada é falar de se xa se deixaron ver os cascos azuis da ONU polo arredor da sede do PP.

Pero voltando á seriedade, outra vez se abre a fenda que nunca supurou da dereita ourensana, esa da boina e do birrete, esa de Baltar e Feijóo, esa dos de Alianza Popular e Centristas de Galicia.

E esto, a pesar do que auguran algúns, non se cura con “Betadine”, aquí fan falla puntos de sutura porque a ferida é grande e moi fonda e o ambiente non é o propicio para que se faga unha costra.

O que aconteza o vindeiro día 30 é unha incógnita. Os baltaristas sempre pensaron que esto sería un camiño de rosas, e cada vez estase a facer máis costa arriba. Tan costa arriba que eu estou convencido que o que saía vencedor do congreso do PP vai a ser pola mínima, e pode ser calquera. Ademais sempre pendurará esa espada de Damocles sobre a cabeza do PP de se hai escisión do “centristas” ou se se volve a producir o peche no piso como xa fixeran aqueles apodados pola “bando do nene”.

De todos os xeitos, polo ben da provincia, que é polo que temos que loitar, espero que  remate pronto todo este espectáculo bochornoso. Pero auguro que vai a tardar moitos anos en deixar de supurar esta ferida que non estaba pechada e na que non parar de furgar estes días.


Atentos a como segue o espectáculo.



jueves, 14 de enero de 2010

É moi urxente, precísase axuda




É o momento de dar a cara e rascarse o peto. Sen miramentos, agora non é o momento de dicir que ó mellor a axuda non chega para todos/as os/as haitianos.


Fai falta moita axuda e moi rápida. As imaxes díceno todo, un país totalmente debastado que tardará décadas en recuperarse, posiblemente ó redor de cen mil mortos.


Morte, dor, desesperación... esa é a realidade en Haití. E ti podes axudar a crear vida, consuelo, esperanza. Só tes que aportar a túa axuda a unha desta ONG's de confianza nalgún dos números de conta que se relacionan. Eu podo dicirche que levo anos colaborando con Solidariedade Internacional e que é unha ONG moi seria e en quen se pode confiar.


Gracias en nome dos habitantes de Haití, estaslle a facer un favor moi grande.



miércoles, 13 de enero de 2010

Toma de posesión de Laura Seara, nova directora do Instituto de la Mujer



Dende onte Laura Seara xa é a nova directora do Instituto de la Mujer logo de tomar posesión diante da ministra Bibiana Aído.


Laura Seara unha das máis acérrimas defensoras dos dereitos da muller, unha gran spocialista e unha defensora dos interes de Ourense alá onde estea farase cargo desta nova responsabilidade.


Os/as socialistas ourensáns botarémola de menos no día a día da política provincial e galega, pero o Goberno de España, o Instituto de la Mujer, e as mulleres en xeral sairán gañando con este nomeamento de unha loitadora incansable.